CANTO E PANDEIRETA

🕦 Dous grupos:

  • Os luns de 17:30 a 18:30 INICIACIÓN

  • Os venres de 17:30 a 18:30

🎫 25 € / mes

🔊 Os grupos comezarán o 16 e o 20 de setembro. Ven probar a primeira clase gratis!

Se vés con crianzas ou persoas dependentes, farémonos cargo de que estean atendidas e a gusto! (De balde para as matrocinadoras e 3€/sesión para as non matrocinadoras

🤝🏻 Se tes dificultade para acceder ao obradoiro, contáctanos para coñecer o noso programa de bolsas.

DESCRICIÓN:

Neste obradoiro de pandeireta, canto e percusión miúda conflúen unha chea de elementos fundamentais como a creación dunha comunidade ou o establecemento de vínculos profundos e duradeiros pero tamén a continuidade da nosa tradición oral.

Un dos obxectivos deste obradoiro é usar a nosa voz para falar, cantar e contar, recuperando o legado da transmisión oral que tivo un papel tan relevante e que hoxe está cerca de desaparecer. Aprenderemos, pois, diferentes ritmos, toques e melodías que nos chegaron a través das nosas maiores e que forman parte do noso patrimonio inmaterial.

Aprender a tocar un instrumento é sempre unha experiencia enriquecedora, pero facelo xunto a compañeiras que te acompañan no proceso forma un vínculo difícil de igualar. Facer música en conxunto crea un sentimento de comunidade que nos une e fainos tecer unha rede de motivación e compenetración únicas.

E como é natural, a diversión tamén será camiño e meta deste obradoiro. Aprenderemos con alegría e este coñecemento nos servirá para participar en foliadas, seráns e todo tipo de troulas

MARTA COLLAZO

Pasou por diversas disciplinas dende cativa achegándose á música tradicional ós 16 anos. Foi nese momento cando comezou a formar parte do Grupo Etnográfico A Buxaina (Coruxo)

Nesta agrupación participou en numerosos certames, festivais e concursos de baile e canto tradicional.

Posteriormente comezou os seus estudos de canto na ETRAD de Vigo e enriqueceu estas ensinanzas asistindo a obradoiros impartidos por mestres coma Fran Sieira, Luis Prego, Xulia Feixoo e Guillerme Inácio Costa.

No 2015 entrou a formar parte da ORQUESTRA FOLK SONDESEU colaborando xa no último traballo Beiralúa.

Colaborou e colabora con outros grupos como Caldo e Fiandola e ademais imparte clases de pandeireta, canto e baile en diferentes asociacións.