GRUPOS DE MULLERES
Espazo de intimidade no que compartir as nosas experiencias.
Esta é unha proposta principalmente dirixida a mulleres de colectivos e entidades no eido da diversidade funcional, pois son voces que dificilmente se escoitan se non se lles presta a debida atención. Cremos que é necesario para o proceso de independencia e apoderamento das mulleres facilitar espazos onde ampliar as súas relacións interpersoais, saír das entidades para participar activamente da vida social e cultural da cidade.
O obxectivo é crear un espazo onde todas poidamos expresar os nosos sentimentos e emocións con liberdade, sen sentírmonos axuizadas e respectando a nosa diversidade.
Potenciando o autocoñecemento das participantes a través da conexión cos nosos corpos, coñecéndoos, explorándoos e aprendendo a querernos.
Abordando temas en relación á saúde das mulleres: a nosa sexualidade, o ciclo menstrual, a menopausia e o climaterio.
Recoñecendo e identificando os estereotipos de xénero e as desigualdades que supoñen.
Comprendendo como se crean as diferenzas de xénero no proceso de socialización.
Reflexionando acerca da dobre discriminación e as múltiples opresións que viven as mulleres con diversidade funcional e as súas consecuencias.
Favorecendo a confianza e a creación de vínculos sólidos mediante dinámicas de grupo participativas en base ás propias experiencias, como punto de partida para a reflexión colectiva.
A nosa proposta desenvólvese coa seguinte secuenciación de contidos, sempre adaptándoos aos requerimentos, necesidades e ritmos de cada grupo:
MÓDULO 1: Autocoñecemento, corpo e saúde, dimensión afectivosexual.
MÓDULO 2: Socialización de xénero, experiencias de vida, roles e estereotipos de xénero.
MÓDULO 3: E agora que? mulleres apoderadas que cambian o mundo
Experiencias previas:
Grupo As Bandidas: A nosa experiencia do grupo de mulleres as Bandidas, formado en 2016 por mulleres con parálise cerebral na residencia de APAMP, revelounos a necesidade de atopar espazos de intimidade e seguridade no que poder compartir experiencias, inquietudes, desexos e medos que vivimos como mulleres nesta sociedade.
Umha vez abrimos as portas de A Morada, APAMP confiou en nós para continuar este proxecto, ampliándoo a outros centros da entidade.
Actualmente estamos desenvolvendo o proxecto para ASPACE Galicia, nos centros de Amencer en Pontevedra, ASPACE Coruña, ASPACE Lugo e os dous centros de APAMP en Vigo.
Se es unha entidade de diversidade funcional, ponte en contacto con nós para máis información!