O PATIO
DE VECIÑAS
ONDE
ATOPÁRMONOS
A Morada é unha cooperativa sen ánimo de lucro no eido social en Vigo. Ofrecemos ás mulleres un espazo de encontro, un lugar de lecer, asesoramento e formación, conectado coa comunidade e onde os coidados estean no centro.
Na Morada abrimos as portas cada día e propomos unha chea de obradoiros e actividades, un proxecto social comunitario e unha baiuca como lugar de encontro.
PARTICIPA
Espazo de intimidade no que compartir as nosas experiencias.
BAIUCA e cociÑA VECIÑA
Espazo de encontro (expos, eventos, xuntanzas, colectivos, actividades) e cociña equipada.
OBRADOIROS
Regulares e puntuais: creatividade, danza, ioga, teatro…
ARTES VIVAS
Exposicións, concertos, artes escénicas, poesía…
ACCIÓNS E PROXECTOS
Dinamización comunitaria, colaboración con entidades sociais, formación e obradoiros externos.
PATIO DE VECIÑAS
Espazo de intercambio de saberes: patio de rosmonas, reciclaxe e transformación de obxectos, mostra de proxectos locais.
MORA CON NóS
Que é A Morada?
É o lugar que un día soñamos, onde estar coas nosas nais e fillas, coas crianzas, as tías, as irmás e as amigas, onde estar coas veciñas…esa comunidade que nos sostén e que sostén a vida. Esta é unha casa-acubillo para sertírmonos seguras, escoitadas e acompañadas. É unha casa-corpo na que recoñecernos, respectarnos e amarnos tal como somos. É unha casa de xanelas abertas polas que entra o mundo e saen as nosas ideas. É o cuarto propio para todas. É o xardín onde sementar e florecer cada primavera. Nesta casa coidámonos en comunidade.
Pero, que son os coidados para nós? Sabémonos interdependentes, todos os seres humanos o somos, dende o nacemento ata a vellez.Coidar e ser coidada é unha faceta inseparable da mesma existencia humana. Por iso dámoslle aos coidados a importancia social e política que teñen. É unha responsabilidade de todas as persoas, pero o modo en que está organizada a sociedade empéñase en cargar ás mulleres con esta tarefa esencial. Atributos como o sacrificio, a abnegación e a renuncia relaciónanse con esta suposta natureza feminina que nos fai asumir o rol de coidadoras.
Pero nós non queremos sacrificarnos por nada nin por ninguén, non queremos abnegarnos nin renunciarnos. Estamos decididas a darlle a volta a esta idea dos coidados.
Porque coidar é coidármonos.
É escoitar aos demais e a nós mesmas, ao noso corpo, a nosa sexualidade, as nosas emocións, desexos e ideas.
É soster entre a comunidade as necesidades de todas, sen deixar que ningunha quede atrás, tampouco nós mesmas.
É poder parar, poder dicir que non, poder chorar e rir sen sentirse culpable.
É recoñecer tamén a nosa vulnerabilidade.
E esixir á sociedade que as cargas sexan compartidas en igualdade, tamén é coidar.
Por iso na Morada poñemos ás coidadoras no centro. Facilitamos que poidan ter un espazo e un tempo para si mesmas, mentres, as persoas ás que coidan, están acompañadas por nós.
Nesta Morada non hai normas, pero si acordos e valores que son primordiais para nós:
O feminismo como o eixo vertebrador de todo o proxecto.
Os coidados como aspecto esencial da vida, conferíndolles a dimensión política que teñen.
A diversidade, nutriente esencial para construír un espazo rico en ideas e sentires.
A creatividade como a forza que impulsa ao ser humano a crear novas realidades.
A igualdade baseada na horizontalidade, onde teñan cabida todas as voces.
A inclusión, sustentada na participación activa de todas as persoas.
A sustentabilidade e a defensa dun modelo económico que non sexa depredador co mundo.
O humor e a risa como ferramentas liberadoras e combativas.
O cooperativismo para xestionármonos democraticamente e contribuír a unha economía social onde as persoas están no centro.
VÉS MORAR CON NÓS?
TECEMOS REDES CON:
INICIATIVAS DE ECONOMÍA SOCIAL
Cooperativas, e asociacións coas que colaboramos.
TECIDO ASOCIATIVO
Entidades sociais da cidade coas que desenvolvemos proxectos.
PARTICIPA
CO TEU
MATROCINIO
A Morada é máis ca un espazo onde impartir e asistir a actividades. Somos unha comunidade en continua construción, un patio de veciñas onde ti tes moito que contar.
Como matrocinadora contribúes a facer sostible este proxecto.
Podes participar mediante mensualidades ou pagos anuais ou puntuais, e contas cunha serie de beneficios en forma de descontos ou agasallos:
Participación nos Patios de veciñas da nosa comunidade
Descontos no uso de espazos para adestramentos, ensaios, encontros…
Utilización do espazo de traballo compartido “coworking” de luns a venres de 10.00 a 14.00h.
Desconto do 10% en obradoiros regulares a partir de 10€ de aportación mensual
Descontos en algúns obradoiros puntuais
Acompañamento ás persoas ás que coidades mentres asistides a algunha actividade
Acceso aos libros da nosa biblioteca en préstamo
Agasallo de benvida